13 ene. 2012

A XII MOSTRA DO ACEITE CELEBRARASE O 26 DE FEBREIRO

A comisión organizadora da que será xa a XII Mostra do Aceite de Quiroga, decidiu que este ano a mostra celebrarase o día 26 de febreiro no lugar das Farrapas en Bendilló.

Este ano manterase novamente a cata dos aceites participantes, que se retomaba na anterior edición, na que participaban expertos restauradores e xente allea ao mundo da cociña.

Como nas edicións anteriores esixiráselles aos olivareiros participantes unha serie de requisitos, que serán o ter unha colleita mínima de 200 litros de aceite; e achegar as mostras da súa produción para a súa análise e someterse aos controis que a Comisión Organizadora estime oportunos.

Tamén como en anos anteriores a comisión organizadora recollerá mostras ao azar para a súa cata o día da Mostra.

Na mostra poderase ver como sempre o funcionamento do muíño no que se realizará unha demostración da elaboración tradicional do aceite.

A comisión organizadora continuará reuníndose en vindeiros días para seguir ultimando os detalles xa que este evento coida ao máximo a súa imaxe, tentando que o lugar se atope nas mellores condicións á hora de instalar a carpa e os stands precisos para o día da mostra. Tamén a presentación do produto se fai de xeito uniforme, a organización achega a todos os produtores os medios precisos para que todos os colleiteiros empregen o mesmo tipo de envase, etiqueta e bolsa para a exposición e a venda do produto.

No hay comentarios:

Publicar un comentario