18 mar 2015

PRESÉNTASE O PROGRAMA DE ACTOS DA FEIRA DO VIÑO


          Dez colleiteiros inscribíronse para participar na XXXIII Feira do Viño de Quiroga, que terá lugar os días 4 e 5 de abril.        
          Xa se realizaron as análises organolépticos dos caldos participantes. E un ano máis tamén se realizará a cata destes viños. Este sábado, 21 de marzo, será o día na que a confraría do viño de Quiroga desfilará pola rúa Real antes de proceder á cata dos viños presentados á feira.
          Seguindo a tradición, cada ano nun tramo da rúa Real, nesta edición o recinto feiral situarase na parte de arriba da rúa, á altura da casa consistorial. As condicións meteorolóxicas serán as que decidan se se precisa instalar carpa no recinto feiral como xa foi preciso facer en anos anteriores.
         O programa de actos inclúe actividades previas á feira, como o concurso de tapas que se desenvolverá dende o 26 de marzo ao 3 de abril. A carreira popular o venres día 3 de abril, ou a actuación dos grupos que ían participar na festa da xuventude no verán, e que por mor da choiva se tivera que suspender. As actuacións musicais dos grupos David Prado e Bella Dona Band e + Iva, terá lugar a partir das doce e media da noite na zona dos pubs.
          O encargado de inaugurar o feira deste ano, será Severino Monteserín, secretario Xeral de Agader, a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural. O acto de inauguración terá lugar ás seis e cuarto da tarde, pero anteriormente os grupo Os do Recanto e a Banda de Gaitas San Martiño, xa farán un pasarrúas polo recinto feiral.
          Ás seis e media as actuacións trasladaranse ata o Auditorio Municipal, onde actuarán a Coral Polifónica de Quiroga, a banda de gaitas San Martiño e os grupos de danzas San Martiño e Arume da Queiruga. Tamén se fará entrega dos premios do certame Cartas de Amor Vila de Quiroga.
        Ás oito e media do serán, xa no palco, terá lugar o momento máis multitudinario da feira que é o pregón. Nesta edición a pregoeira da feira do viño de Quiroga será Rocío Carrasco, coñecida dende sempre por ser filla da cantante Rocío Jurado.
          Tras o pregón farase entrega do premio do concurso de camisetas, para o que os participantes terán que subir ao palco para que sexa a propia pregoeira a que decida quen se merece os 100 € de premio.
          O grupo Mosaico será o encargado da animación nocturna.
          O domingo, a partir das doce e media da mediodía, na casa consistorial, faráselle a entrega de medallas aos colleiteiros participantes. A charanga Madialeva animará o recinto feiral durante toda a xornada.

          Todos estes actos serán os que acompañen a unha feira que ano tras ano recibe a centos de visitantes para disfrutar de Quiroga, pero sobre todo do producto estrela, o viño.

No hay comentarios:

Publicar un comentario