21 sept 2015

FIN DE SEMANA INTENSA NAS VIÑAS DE QUIROGA

        Quiroga está inmersa na vendima, nesta fin de semana cortáronse a maioría dos acios das cepas, e prevese que co remate da semana que empeza a vendima deste ano se dé por finalizada. Unha vendima cunhas inmellorables condicións climatolóxicas e nas que as uvas se atopan en perfectas condicións en canto a acidez e a graduación. Puntualmente a graduación descendeu minimamente coas choivas da semana pasada, pero que cas altas temperaturas destes días está recuperando.

        Só unha das adegas industriais locais apuntou que algunhas uvas se presentaron con algo de oidium, pero de xeito anecdótico, xa que as condicións desta vendima están sendo inmellorables. Este pequeno problema surxido posiblemente polo descuido dos viticultores, que ante o bo tempo reinante durante toda a evolución das uvas, esquenceron algún dos tratamentos preventivos.

         Dende o ano 2014 Quiroga é o concello de todos os que conforman a denominación de orixe Ribeira Sacra, co maior número de hectáreas plantadas de cepas, con máis de 200 hectáreas. Curiosamente este número de hectáreas, superando a concellos vitícolas como Sober, Chantada ou Pantón, non se traduce nun incremento importante de adegas industriais, xa que neste cómputo estamos moi lonxe destes municipios, con só cinco adegas. Aínda que só hai cinco adegas industriais, Quiroga rexistra 254 viticultores, que nutren coas súas uvas as adegas locais e as demáis da Denominación de Orixen, así como a moitos particulares que elaboran viño en zonas nas que non se prantan viñedos.

          A adega máis importante en canto a elaboración de viño de Quiroga, é Val de Quiroga. Esta adega, unha das máis madrugadores de toda a Ribeira Sacra no inicio da vendima ten pensado rematar este traballo en dous días. Nos seus depósitos xa están 30.000 kilos de uvas brancas, das variedades godello, treixadura e albariño, maioritariamente, con algo de torrontés e loureira. E están rematando de entrar as uvas tintas, uns 300.000 kilos entre as variedades mencía, garnacha, tempranillo, brencellao e merenzao.

          Adegas Mondelo tamén ten recollida boa parte da colleita. Remataron cas uvas blancas, uns 5.000 kilos de godello, albariño e treixadura; e traballan agora coas tintas, sobre todo mencía e garnacha da que xa recolleron 12.000 kilos e faltanlles sobre 9.000.

          Atrium Vitis tamén recolleu xa o 90% da súa colleita. Esta é a única adega local na que a súa producción se centra sobre todo no viño branco. 10.000 kilos de albariño, godello e traixadura xa está fermentando na adega. Esta semana rematarán coa recollida da mencía e deixarán para o final a variedade garnacha, variedades que utilizan na elaboración do seu viño tinto. Destas dúas variedades agardan recoller 5.000 kilos.

         A adega de creación máis recente, Lar de Ricobao, teñen pensado rematar mañá coas vendimas. Nesta adega entraron 12.000 kilos de godello e treixadura; e rematarán mañá cos 25.000 kilos de mencía e garnacha que completarán a súa vendima.

          A última das adegas locais inscrita na denominación de orixen é Adegas Cosme, de Margaride. Esta adega é a última en iniciar a vendima xa ata mañá non ten pensado iniciar a recollida de uvas. Esta adega recollerá 6.000 kilos de uvas brancas de godello e treixadura, que será polas que empece. Ata a vindeira semana non comezará a recoller os 17.000 kilos previstos de mencía e garnacha. Dende a adega apuntan a que o atraso no inicio de vendima obedece a que queren uvas nas que a graduación supere os 13 graos, e tras o pequeno descenso de un grao tras as choivas da pasada semana, estiveron agardando a recuperación facilitada polas boas condicións meteorolóxicas.

          Ademáis das uvas que entran nas adegas quiroguesas hai moitas outras que van para as outras adegas da denominación de orixen e tamén as que van para particulares. As adegas que desprazan vehículos para a recollida da uva, aínda non están contabilizadas pero sí o están as uvas saídas para as adegas que non desprazan vehículos, como é o caso de Rectoral de Amandi ou os particulares que mercan uvas para elaborar viño para o seu consumo. Nesta fin de semana a oficina de extensión agraria contabilizou a saída de 50.000 kilos de uvas, xa que esta práctica necesita unha guía que lle facilitan nesta oficina tanto para o propietario das uvas, como para o transportista que as leva.


No hay comentarios:

Publicar un comentario