7 feb 2019

CONTINÚASE COA REFORMA INTERIOR DO PAVILLÓN MUNICIPAL


Continúase a traballar na reforma interior do pavillón municipal coa ampliación dos vestiarios e o cambio de localización dos baños. Estas obras corren a cargo dos alumnos traballadores do V Obradoiro de Emprego Sil Lor, do que se benefician os concellos de  Ribas de Sil, Folgoso do Courel e Quiroga.

Neste quinto SilLor os 20 alumnos e alumnas dos tres concellos reciben formación teórica e práctica en especialidades relacionadas coa albanelaría e a construción. O obradoiro conta coa especialidade de Operacións auxiliares de albanelaría, de fábricas e cubertas, no que están integradas as  7 persoas do concello de Quiroga.

No pavillón traballase no cambio de baños que estaban situados na planta baixa e que agora se construirán na parte superior, podendo acceder a eles directamente dende as gradas. Aumentarase o espazo da grada na parte superior, onde quedará espazo para unha pequena zona de cafetería. En canto os vestiarios, dotarase duns novos secundarios e nos actuais farase unha profunda reforma co fin de aumentar a superficie e facela máis funcional.

Con estes traballos quérese conseguir que os usuarios deste edificio deportivo non teñan que pasar continuamente pola pista de xogo para poder acceder a vestiarios, baños ou almacén.

Esta mañá directivos do obradoiro e o alcalde de Quiroga achegáronse a supervisar os traballos nos que están a traballar os alumnos deste novo obradoiro.  


QUEIXAS POLO MAL ESTADO DA ESTRADA N-120


O asfalto da N-120 cada vez atópase en peor estado. As choivas do último mes acabaron de esnaquizar un xa de por si desfeito firme e cada vez son máis os condutores que sofren as consecuencias. Rodas e amortiguadores dos vehículos reséntense a diario e os condutores quéixanse continuamente do mal estado desta estrada nacional ao seu paso polo noso municipio.

No mes de decembro a corporación municipal de Quiroga aprobaba unanimemente unha moción do grupo popular pedindo ao Goberno, titular da estrada, o seu arranxo.

O Ministerio de Fomento anunciaba a principios de xaneiro, a través do delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, que se comezaba a reparar o firme do tramo da estrada  N-120 que pasa polo sur de Lugo. Nun paquete de actuacións de emerxencia que o Ministerio de Fomento aprobou  o pasado 13 de decembro, cun orzamento de 1.200.000 euros, incluíase a reparación da estrada  N-120 xunto coa  N-540, que comunica Lugo e Ourense por Chantada, a  N-VI en Lugo e a  N-634 na Mariña.

No caso da  N-120, o tramo para reparar inclúe todo o territorio de Quiroga. É o que comprende entre o quilómetro 480 e o 526, é dicir, dende a límite de Quiroga coa comarca de Valdeorras ata Monforte de Lemos. Trátase de 46 quilómetros que inclúen algún dos tramos en peor estado desta estrada, cuxo asfalto deficiente leva tempo provocado protestas dos condutores que usan habitualmente esta ruta entre Ponferrada e Ourense.

No tramo máis problemático polo número de accidentes, o da subida da Frieira, cambiouse a capa de rodaxe e agora trabállase na zona da Brence. Pero todo o estado da N-120 ao seu paso por Quiroga atópase cheo de fochancas e os centos de condutores que pasan por ela a diario amosan continuamente o seu malestar. Unha estrada cun elevado número de accidentes ao que agora se une o perigo polo seu mal estado, máis acusado cando chove, xa que a auga impide ver os buracos e fochas do firme.



COMEZA A ORGANIZARSE A XXXVIII FEIRO DO VIÑO DE QUIROGA


O Concello de Quiroga comeza a traballar na XXXVII Feira do Viño, que terá lugar os días 20 e 21 de abril.

A casa consistorial acolleu a primeira reunión na que se organizarán todas actividades que inclúe esta festa do viño, na que se engloban o concurso “Quiroga de Tapas” ou a Carreira Popular. Coincidindo con esta celebración Quiroga acollerá un ano máis o Certame Celtibérico de Bandas de Gaitas,  na que xa será a súa IV edición.

Nesta primeira xuntanza marcouse o prazo que terán para anotarse os colleiteiros que queiran participar e os requisitos esixidos para o seu viño elaborado artesanalmente . Así os viticultores interesados deberán de inscribirse na casa consistorial antes do día 19 de febreiro, fixándose un número máximo de doce colleiteiros para participar nesta XXXVII edición.
         
En canto aos requisitos mínimos que deberán de cumprir os viños será unha graduación alcohólica mínima de 12 º para o viño branco e de 11,5 º  para o viño tinto. E unha acidez volátil máxima de 0,5 gr. acético/l. para o viño branco e de       0,6 gr. acético/l. para o viño tinto.

En canto á cantidade, fíxase unha cantidade mínima de 200 botellas de viño branco e 250 botellas de viño tinto para presentar na feira, e outra cantidade igual ou superior na adega.

O colleiteiro que teña seleccionado o seu viño para participar na feira debe aboar a cantidade de 100 € e entregar mostras do viño inscrito que deberán de superar dúas probas, unha análise organoléptica e unha cata popular polos membros da Confraría do Viño de Quiroga.


1 feb 2019

COMEZA A PREPARARSE O ENTROIDO


       Esta mañá reuníanse na casa consistorial os encargados de organizar as festas de Entroido no concello.

O Entroido celebrarase en Quiroga o domingo 3 de marzo cun desfile de comparsas como xa é habitual. Tamén os máis pequenos terán unha festa de disfraces o luns día 4 e os máis maiores terán a súa festa o martes día 5.

As bases do concurso de comparsas así como os detalles da festa infantil pormenorizaranse en vindeiras xuntanzas. Non así a festa para os maiores que xa está organizada. Celebrarase no centro social o martes día 5 a partir das seis da tarde, cunha invitación para todos os socios e socias a doces típicos destas festas e un animado baile de disfraces.

O ACEITE DE QUIROGA NA REVISTA GASTRONÓMICA HUM DA VOZ DE GALICIA


A Revista de viños e gastronomía HUM do xornal La Voz de Galicia publicou o pasado domingo unha reportaxe dedicada ao aceite de Quiroga. Baixo o título de Mansa e Brava, as olivas galegas do aceite de Quiroga, o coñecido periodista J.M. Orrióls, autor do artigo, fixo un repaso da importancia do aceite na nosa comarca dende a Idade Media.
Dende o Século XV existe documentación sobre a importancia que na economía do Val de Quiroga tivo o aceite de oliva nesta zona na que abundas as oliveiras centenarias e aínda se conservan vellos muíños, como o de Bendilló, onde se recrea esta historia.
Orrióls destaca a importancia da oliveira Mansa e da Brava durante a Idade Media xa que no noso val marcábanse as fincas con oliveiras en vez de con mouteiras de pedra. Oliveiras que afortunadamente quedaron en pe e que se recuperaron para producir aceite, agora con tecnoloxía máis moderna pero conservando as características organolépticas dos aceites primitivos.
Apunta Orrióls que debido a esa importancia o concello de Quiroga creou un “mini consello regulador” , inscribindo na oficina de patentes a marca “Aceite de Quiroga”. Con isto creouse unha contraetiqueta que leva todo o aceite que se produce no noso concello, despois de pasar exhaustivos controis de todo tipo, entre os que se inclúe a cor, o sabor, a acidez ou o lugar de onde proceden as olivas. Requisitos sen os que non se autoriza a súa venda como Aceite de Quiroga.
O artigo tamén recolle as declaracións do alcalde Julio Álvarez, que afirma que "se está á espera de que a Consellería de Medio Rural, despexe as dúbidas que di ter sobre esta realidade, para solicitar xa á Xunta de Galicia que tramite primeiro ao Goberno Central e despois á Unión Europea, o expediente que presentará o concello para obter a denominación de orixe do noso aceite". O alcalde afirma que "o aceite de Quiroga cumpre todos os requisitos que esixe a Unión Europea, porque temos unha longa e documentada historia, tamén oliveiras que son únicas deste val e ademais, solicítase para un territorio delimitado moi concreto". Tamén remarca que "si se planea facer unha denominación de orixe que se chame de calquera outra forma, estarase cometendo un grave erro e dende o concello de Quiroga loitarase pola nosa denominación".

8 ene 2019

600 QUILOS DE SAL PARA LOITAR CONTRA AS PLACAS DE XEO NOS CAMIÑOS


      Esta mañá o grupo de emerxencias GES repartiu 600 quilos de sal polos camiños de acceso a distintos núcleos do municipio que se atopaban con placas de xeo e dificultaban a circulación dos veciños.

Esta foi unha nova madrugada xélida en Quiroga con mínimas baixo cero. Onte ás oito menos dez da mañá a Estación Meteorolóxica que a Consellería de Medio Ambiente ten na Conchada marcaba unha temperatura de cinco grados baixo cero. Estas temperaturas propician que as xeadas nas zonas máis sombrizas se manteñan dun día para outro, aumentando a capa de xeo e dificultando o acceso aos núcleos máis afectados.

O grupo de emerxencias traballou esta mañá en Vilar de Mondelo onde foi preciso votar sal en toda a pista de acceso e en puntos concretos de Montefurado, Rugando e Vilañán.

Esta non é a primeira vez  que dende o concello se traballa en retirar as placas de xeo das pistas de acceso aos núcleos, xa que a semana pasada xa se empezou a espallar sal nas zonas máis altas do municipio. Ao que hai que sumar o plan de Emerxencia para facer fronte ás acumulacións de xeo que está levando a cabo a Deputación Provincial nas estradas da súa titularidade.

As temperaturas mínimas baixo cero seguirán aínda durante uns días.  O aire frío do continente europeo comezará a entrar mañá mércores na península Ibérica. As temperaturas mínimas non experimentarán cambios moi apreciables polo que as xeadas seguirán sendo xeneralizadas no interior. As máximas si tenderán a baixar lixeiramente.

Pero a partir do xoves o alivio térmico que se experimenta ao mediodía desaparecerá. Unha masa de aire frío de orixe ártica invadirá a comunidade. Hai que engadir ademais que o vento, practicamente ausente ata hora, comezará a soprar con máis forza e aumentará a sensación de frío, cuxo valor podería estar incluso por baixo do que indiquen os termómetros. Os principais modelos meteorolóxicos coinciden en que ese aire polar quedará en Galicia polo menos ata o domingo.

NOVA LIÑA DE AUTOBÚS DE QUIROGA A MONFORTE


A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de autorizar unha nova expedición de transporte público por autocar entre as localidades de Quiroga e Monforte de Lemos.

A nova liña estará operativa todos os días laborais (de luns a venres) con servizos de ida e volta. A saída terá lugar desde Quiroga ás 7,40 horas con chegada prevista a Monforte ás 8,20 horas. O regreso, con saída desde Monforte, está previsto ás 14,30 horas e chegada a Quiroga sobre as 15,10 horas.

 O itinerario percorrerá sete paradas: Quiroga, San Clodio, o IES Francisco Daviña Rey, a estación de autobuses de Monforte, o IES Río Cabe, a E.T. de Monforte e o Hospital Comarcal.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que esta nova frecuencia responde ás demandas formuladas desde o Concello e por un grupo de estudantes que cursaban ciclos formativos na cidade do Cabe e que agora serán os principais beneficiarios deste novo horario, ademais de todas aquelas veciñas e veciños que precisan achegarse ata o hospital comarcal.

 A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade reforza o servizo de transporte público por estrada dentro do seu compromiso de promover as modificacións puntuais precisas para unha mellor conexión dos diferentes concellos e, en particular, das poboacións da zona rural.