7 feb 2019

QUEIXAS POLO MAL ESTADO DA ESTRADA N-120


O asfalto da N-120 cada vez atópase en peor estado. As choivas do último mes acabaron de esnaquizar un xa de por si desfeito firme e cada vez son máis os condutores que sofren as consecuencias. Rodas e amortiguadores dos vehículos reséntense a diario e os condutores quéixanse continuamente do mal estado desta estrada nacional ao seu paso polo noso municipio.

No mes de decembro a corporación municipal de Quiroga aprobaba unanimemente unha moción do grupo popular pedindo ao Goberno, titular da estrada, o seu arranxo.

O Ministerio de Fomento anunciaba a principios de xaneiro, a través do delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, que se comezaba a reparar o firme do tramo da estrada  N-120 que pasa polo sur de Lugo. Nun paquete de actuacións de emerxencia que o Ministerio de Fomento aprobou  o pasado 13 de decembro, cun orzamento de 1.200.000 euros, incluíase a reparación da estrada  N-120 xunto coa  N-540, que comunica Lugo e Ourense por Chantada, a  N-VI en Lugo e a  N-634 na Mariña.

No caso da  N-120, o tramo para reparar inclúe todo o territorio de Quiroga. É o que comprende entre o quilómetro 480 e o 526, é dicir, dende a límite de Quiroga coa comarca de Valdeorras ata Monforte de Lemos. Trátase de 46 quilómetros que inclúen algún dos tramos en peor estado desta estrada, cuxo asfalto deficiente leva tempo provocado protestas dos condutores que usan habitualmente esta ruta entre Ponferrada e Ourense.

No tramo máis problemático polo número de accidentes, o da subida da Frieira, cambiouse a capa de rodaxe e agora trabállase na zona da Brence. Pero todo o estado da N-120 ao seu paso por Quiroga atópase cheo de fochancas e os centos de condutores que pasan por ela a diario amosan continuamente o seu malestar. Unha estrada cun elevado número de accidentes ao que agora se une o perigo polo seu mal estado, máis acusado cando chove, xa que a auga impide ver os buracos e fochas do firme.



No hay comentarios:

Publicar un comentario