10 feb 2019

CELIA DÍAZ PRESENTOU A SÚA ÚLTIMA OBRA EN QUIROGA


A escritora e Filla Adoptiva de Quiroga, Celia Díaz Núñez, escolleu unha vez máis o noso concello para presentar o seu último libro. Nesta ocasión Celia publica unha obra de teatro infantil, galardoada co premio O Facho de Teatro infantil, que leva por título " O castelo de Pena Redonda, o máis tolo da contorna". A casa da cultura acolleu o sábado a presentación desta nova obra de Celia Díaz, que se da a coñecer como dramaturga en 2004 cando publica a súa primeira obra teatral infantil e que dende entón ten publicadas catro novelas, un ensaio, tres obras teatrais infantís e material didáctico para a aprendizaxe da lingua galega.

O acto, aberto ao público, estivo presentado pola directora do CEIP de Quiroga e  tenente de alcalde do Concello de Quiroga, Ana Núñez.; que foi a encargada de dar paso ao ilustrador do libro, Ricardo Cid Paz, e a propia autora, Celia Díaz.


A propia autora foi a que presentou esta obra de teatro infantil e as súas personaxes. Unha obra enmarcada no ano 1250 que se centra en narrar o día a día no Castelo de Pena Redonda, un lugar moi particular no que para os seus habitantes a vida transcorre lenta, moi lenta.


O acto de presentación contou tamén cunha lectura dramatizada de varios capítulos do libro a cargo de Nacho, Natalia, Manuel Antonio e Nadia, alumnos e alumnas de 5º e 6º de primaria do CEIP de Quiroga.


O acto rematou coa firma de libros por parte da autora e do ilustrador.




No hay comentarios:

Publicar un comentario