Un incendio declarado na
tarde de onte nun alpendre dunha vivenda de San Vitoiro saldouse cun ferido e
cuantiosos danos materiais. O ferido queimouse nos brazos e nunha perna mentres
tentaba apagar o lume, aínda que sen temer pola súa vida mobilizouse un helicóptero
de emerxencias para o seu traslado a un centro hospitalario.
O incendio declarouse
sobre as tres da tarde, ao parecer a causa dunhas cinzas mal apagadas que
prenderon na leña amoreada no alpendre. Foi unha veciña a que deu a voz de
alarma, xa que a propietaria, unha octoxenaria, atopábase dentro da vivenda
pegada ao alpendre e non se decatara do lume.
A intensa fumareda mobilizou
aos veciños de San Vitoiro que tentaron apagar as lapas mentres avisaban ao
112. Este núcleo conta con bocas de rego
nas súas rúas pero o nerviosismo da situación e a procura de mangueiras complicou
un traballo difícil de levar a cabo mentres non chegaron os profesionais.
Ata o lugar desprazáronse
os GES de Quiroga e de Folgoso do Courel, os bombeiros de Monforte, axentes da
Garda Civil de Quiroga e Policía Local. A pesar do gran despregue foi imposible
evitar que ardera o alpendre, remodelado recentemente e que albergaba gran
cantidade de leña. Outra das dependencias situada tamén dentro do patio da
vivenda viuse afectada aínda que en menor medida.
No hay comentarios:
Publicar un comentario