1 ago 2019

O CONCELLO DE QUIROGA ORGANIZA UN NOVO CONCURSO DE DEBUXO INFANTIL QUE TERÁ COMO TEMA O XEOPARQUE


O Concello de Quiroga, dende a Área de Educación e infancia, organiza novamente  un Concurso de Debuxo Infantil. As bases son as seguintes:

1.-Este concurso está dirixido a nenos de entre 3 e 12 anos.

2.-O debuxo debe ser orixinal e realizado por calquera medio plástico: lapis, tinta, acuarela, acrílico, óleo, colaxe, gravado ou mixtos.

3.-O tamaño mínimo será de formato A4 e o tema do debuxo será Quiroga e o Xeoparque.

4.-Ao reverso do debuxo irán os datos do autor: nome e apelidos, teléfono e dirección.

5.-O debuxo presentarase na Casa de Cultura dentro dun sobre pechado sen ningunha escritura no seu exterior, sendo o último día para entregalos o 8 de agosto.

6.-Os traballos serán avaliados en catro categorías:

A: nenos de 3 a 5 anos.

B: nenos de 6 a 8 anos.

C: nenos de 9 a 12 anos.


7.-Dentro de cada categoría haberá tres postos premiados e os premios serán “PREMIOS SORPRESA”.

8.-Os premios os nenos e nenas gañadores entregaránselles o domingo día 11 de agosto ás oito menos cuarto do serán na Praza España.

9.-Os traballos quedarán en propiedade do Concello de Quiroga para posteriores exposicións.

10.-A participación neste concurso supón a aceptación das presentes bases.



6 jun 2019

PREMIO DE AGADER PARA A XESTIÓN DO XEOPARQUE MONTAÑAS DO COUREL


A Asociación Montañas de Courel, formada polos concellos de Ribas de Sil, Folgoso do Courel e Quiroga, ven de recibir un premio de AGADER, a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, na modalidade de turismo pola xestión realizada para o Xeoparque Montañas do Courel.

A candidatura obtivo 90 puntos, a máxima puntuación acadada por todas as solicitudes premiadas, un total de 8, en diferentes categorías.

 Estes son os décimos premios de Agader para as iniciativas de desenvolvemento rural. Entregaranse o vindeiro 21 de xuño e consisten nun diploma e unha dotación en metálico de 10.000€.

O xurado encargado de outorgar as iniciativas presentadas estaba formado polos directores xerais de igualdade, de políticas culturais, de turismo, de patrimonio cultural,  de xuventude, de gandaría e agricultura e industrias agroalimentarias; así como o secretario xeral de Agader e o presidente da Fegamp. Este xurado premia a Montañas do Courel como un proxecto global de desenvolvemento turístico.



O CENTRO DE DÍA ABRIRASE EN AGOSTO


O Centro de Día da Ribeira abrirase o día 1 de agosto. Así o anunciou o Concello de Quiroga que xa abriu o prazo de presentación de solicitudes de praza a través das oficinas de servizos sociais municipais.
O centro que se define como xerontolóxico, socio -  terapéutico e de apoio ás familias conta con 25 prazas para persoas maiores con dependencia ou en grave risco de padecela.
Permanecerá aberto todos os días laborables dende ás oito da mañá ata as oito do serán. Dentro deste horario os usuarios poderán ter xornada completa ou media xornada con ou sen comida.
Dentro dos requisitos mínimos para poder ser usuario deste servizo está o de ter cumpridos os 65 anos ou 50 en caso de dependentes con circunstancias persoais.
Estes requisitos foron fixados por unha Comisión de Estudio na que tiveron representación todos os partidos políticos da corporación municipal. Esta comisión tiña como cometido elaborar unha memoria xustificativa  na que se recolleran as condicións máis idóneas para poder abrir este centro.
Unha destas condicións era que a xestión do centro fora indirecta, é dicir que non a xestionase o concello directamente se non que se sacara a concurso para que fora outra entidade quen a xestione, polo que se elaboraron unhas bases de licitación para que este servizo saíra a concurso. 
Tras rematar todos estes trámites agora ábrese o prazo para a solicitude de prazas. As persoas interesadas poden pasar polas oficinas de servizos sociais do concello.
O Centro de Día ocupa a primeira planta do edificio polivalente da Ribeira. Na súa planta baixa atópase o centro social da Ribeira. E contémplase que na segunda planta serva de lugar de acollida temporal para persoas en risco de exclusión social.

O PARO BAIXA EN 20 PERSOAS NO MES DE MAIO


A Consellería de Economía, Emprego e Industria fixo públicos os datos do paro do mes de maio. A comarca de Quiroga baixou o seu número de parados neste mes en 20 persoas, situándose o número de parados en 268.
Segundo datos da Xunta durante este mes de maio, no municipio de Quiroga houbo 179 persoas sen emprego, seis menos que no mes anterior, das que a maioría, 106, buscaban emprego no sector servizos. A moita distancia séguelle o sector da industria con 28 parados, 18 na construción, e 10 en agricultura e gandería.
Tamén se contabilizan 17 persoas que aínda non atoparon o seu primeiro emprego.
A Consellería de Economía, Emprego e Industria tamén fixo públicos que o parados no concello de Ribas de Sil baixaron durante este mes en doce, situándose o número de persoas sen emprego en 49; e en Folgoso do Courel o número de parados diminuíu en dúas persoas quedando en 40 persoas no mes de maio.




30 abr 2019

RESULTADOS ELECTORAIS DO 28 DE ABRIL


2.098 quirogueses, unha participación moi alta xa que se acadou un 73.82%, acudiron onte ás urnas paras participar nas eleccións xerais, para elixir entre as trece candidaturas que se presentaban para elixir os representantes para o Congreso e o Senado, as dúas cámaras que constitúen as Cortes Xerais.
Unha vez máis a formación política máis votada foi o Partido Popular que con 1.059 votos acadou o 51% das papeletas destinadas á elección da Cámara Alta. Séguelle con 578 votos o PSdeG- PSOE cunha porcentaxe do 27,9%. Podemo-EU-Mareas en Común-Equoa acadou 157 votos, un 7’58 %. Cs 106 votos cun 5,12%. Séguenlle o BNG con 71 votos, VOX con 57, PACMA con 12, En Marea con 10, Compromiso por Galicia con 2 e Recortes Cero-GV con 1 voto.  19 votos foron emitidos en branco e 28 contabilizáronse como nulos.
En canto ás mesas, nestas eleccións constituíanse cinco mesas electorais, unha menos que nos anteriores comicios, xa que a mesa de Vilar de Lor pasou a integrarse na da Casa de Cultura como xa a fixera anteriormente a de Montefurado que se integrou na de Soldón.
 No centro social de Quiroga instaláronse dúas mesas, na mesa A podían votar 645 quirogueses, que teñen os apelidos comprendidos entre as letras A e K. Recolléronse 464 votos, o que se traduce nunha participación do 71,94%. Nesta mesa o PP acadou 222 votos (47,84%), PsdeG-PSOE 123 (26,51%), e a terceira formación máis votada, C’s acadou 34 votos seguida moi de pretos de Podemos que acadou 33 votos. Séguelle BNG con 20 votos e Vox con 13. Nesta mesa tamén se contabilizaron 2 votos en branco e 7 nulos.
Na mesa B do Centro Social na que votaban os veciños da parroquia de Quiroga con apelidos da L ata a Z, votaron 649 persoas, un 74’94% do seu censo. O 43,14% dos votos foron para o PP, 280 votos. A segunda formación máis votada con 185 votos (28,51%) foi o PSdeG-PSOE. Podemos acadou nesta mesa 66 votos, C’s 45, Vox 30 e BNG 19. Houbo 8 votos en branco e 9 nulos.
Na casa da cultura de Quiroga, instalouse a mesa para os veciños das parroquias do Nocedo e a Hermida ademais dos veciños do Lor Alto e do Lor Baixo. Nesta mesa, exerceron o seu dereito a voto 309 veciños dos 416 censados, un 74,28€ de participación. Nesta mesa o PP acadou 175 votos (56,63%), o PSdeG-PSOE 88 (28,48) e Podemos 18 votos. 11 votos foron para o BNG, 5 para C’s e 3 para Vox. Contabilizáronse ademais 7 votos nulos e 1 en branco.
  A mesa situada no muiño de Soldón, onde votaron os veciños da zona de Sequeiros ata Vilarmel e Montefurado, acadou 255 votos, un 71,03% do seu censo. o PSdeG-PSOE con 55 (21,57%) e Podemos con 15 votos. Tamén houbo 9 votos para C’s, 7 para o BNG e 3 para Vox. Recibíronse tamén 3 votos en branco e 2 nulos.
Finalmente, no centro social de Campos de Vila, podían votar as persoas empadroadas dende a Parroquia de Hospital ata a parroquia da Seara. Acudiron as urnas 421 veciños dos 556 censados, o que se traduce na participación máis alta de todas as mesas do municipio, cun 75,72%. Nesta mesa o PP acadou 223 votos (52,97%), o PSdeG-PSOE acadou aquí o seu mellor resultado cun 30,17% dos votos emitidos, 127 votos. Podemos acadou 25 votos, BNG 14, C’s 13 e Vox 8. Foron contabilizados 5 votos en branco e 3 nulos.
Estes eran os votos acadados para o Congreso dos Deputados, a papeleta de cor branco, pero tamén se votou outra papeleta de cor sepia na que se marcaban os nomes dos representantes de cada partido, para elixir  aos 208 senadores. Nestas papeleta aparecía o nome dunha Quiroguesa candidata ao Senado polo PP, a concelleira de xuventude Rosa Mª Arza Rodríguez, que no noso municipio acadou 1.156 votos, o 57,37%. Seguida de José Manuel Barreiro Fernández (PP) con 1.115 votos (55,33), Manuel Lorenzo Varela Rodríguez(PP) con 1.081 (53,65%). Seguido dos representante polo PSOE César Alejandro Mogo Zaro con 519 votos (25,76).

17 abr 2019

AINDA QUEDAN DOUS DÍAS PARA PARTICIPAR NO QUIROGA DE TAPAS


Continúa a desenvolverse a oitava edición do concurso Quiroga de Tapas organizado polo Concello de Quiroga, xunto coa Asociación Provincial de Hostelería de Lugo.  

Nesta edición do concurso que  se prolongará ata este venres participan 13 establecementos dedicados á restauración coas seguintes tapas:

A Pedra: “Arroz negro con calamares e alioli”.
Adega da María: “Cristal transparente”
Ruxe-Ruxe: “Xatecomo”
Ferreiriño: “Mar e horta”
As Palmeras: “Boliñas”
Casa Torres: “Polo crocante con froitos vermellos”
Chapakuña 3: “Paquetiños de delicias”
O Roxo Vivo: “Pé de porco recheo de boletus con pataca panadeira en salsa de mencía con froitos vermellos”
O Rego Gastrobar: “Courel Mountains”
Quiper: “Nido de pasta”
Taberna: Gambón en salsa de pimenta negra”
Lago: “Turnedor ó queixo de Cabrales”
Félix: “Corazón de pataca con solombo en viño branco acompañada de champiñóns en salsa de cebola caramelizada”.

A tapa presentada ó concurso, estará a disposición do público consumidor nun número suficiente e razoable de unidades ou porcións, en horario de 12:00 a 14:30 e de 19:00 a 22:30 horas.

 Na presente edición hai numerosos premios para as persoas que completen o circuíto e emitan o seu voto á mellor tapa entre todas as participantes. Así poden optar a un premio de  300,00€ en metálico; unha estancia e almorzo para dúas persoas na Hospedería Ferrería de Quintá; unha estancia para catro persoas na Aldea Rural “O Busto” (Pobra de Brollón); varias comidas, ceas  ou almorzos para dúas persoas en diversos establecementos de Quiroga e a comarca; ou un lote de productos  típicos de Caurelor, Lar de Ricobao, Porvide, Deiki, Don Cosme, Atrium Vitis, Cervexa Curriña e o Rego Natura.

Pola súa banda o local gañador da mellor tapa da presente edición recibirá 100,00€ e unha placa conmemorativa.

14 abr 2019

MONTAÑAS DO COUREL DECLARADO XEOPARQUE MUNDIAL POLA UNESCO


Montañas do Courel é  Xeoparque Mundial. Así o declarou o xoves a Unesco en París nunha xuntanza da executiva deste organismo dependente de Nacións Unidas. E que converte a este territorio no primeiro xeoparque de Galicia e no primeiro de todo o Noroeste peninsular. O alcalde de Quiroga, Julio Álvarez, amosaba a súa gran satisfacción por este recoñecemento mundial, anunciaba tamén que se vai seguir traballando nesta liña e pedía a colaboración da cidadanía para manter este título que a Unesco revisa cada catro anos.

 Un xeoparque é un territorio que presenta un patrimonio xeolóxico notable e que leva a cabo un proxecto de desenvolvemento baseado nunha promoción turística, pero sen ningún tipo de restrición. O pregamento de Campodola – Leixazós, numerosas covas, restos fósiles de flora e fauna extinguidas ou os restos da minería romana avalan o extenso patrimonio xeolóxico deste territorio.

O proxecto comezaba xa no ano 2004 coa inauguración do primeiro miradoiro xeolóxico de Galicia, o miradoiro de Campodola-Leixazós. Desde entón, fóronse realizando numerosas accións conducentes á posta en valor do patrimonio xeolóxico da comarca.

No 2010, continuouse coa dotación de novos miradoiros: o Miradoiro de Fisteus e o Miradoiro de Montefurado. Un ano despois inaugurouse o Museo Xeolóxico de Quiroga, destinado a difundir e poñer en valor os principais recursos xeolóxicos de toda a comarca e que a día de hoxe é un referente en Galicia, recibindo no 2016 o premio da Cámara Mineira de Galicia polo seu labor de divulgación, e tamén un referente dentro do programa Terra do colexio Oficial de Arquitectos de Galicia para as visitas de escolares. Organizáronse as primeiras xornadas sobre xeoloxía da comarca en Quiroga.

Sería no ano 2015 cando os municipios de Quiroga, Folgoso do Courel e Ribas do Sil se unen para  impulsar a creación dun xeoparque que englobaría os principais elementos do patrimonio xeolóxico da zona. A superficie da proposta abarcaba 578 km2, a totalidade dos tres concellos e nos que residen uns 5.720 habitantes.
         
No 2016 formalizan a constitución dunha asociación, denominada Montañas do Courel, coa finalidade de traballar para conseguir o recoñecemento da comarca dentro da categoría Xeoparque Mundial que concede a Unesco. O seguinte paso do proxecto, foi configuración dun comité científico para traballar na elaboración dos documentos técnicos dos recursos da comarca. Doutra banda, apostouse por dispoñer unha estreita relación con todas as universidades galegas e de maneira especial cos investigadores que desenvolven o seu labor científico sobre este territorio.

A candidatura dispuxo de apoio económico dos tres concellos implicados, así como do GDR Ribeira Sacra-Courel, da Deputación Provincial de Lugo e da Xunta de Galicia. Apoiaron a candidatura as asociacións culturais do territorio, clubs deportivos, empresas de turismo, o colexio oficial de arquitectos de Galicia, a Cámara Mineira de Galicia e asociacións e empresarios mineiros da comarca.

O gran paso deste proxecto foi no 2017, cando despois da visita de membros da Comisión de Patrimonio Xeolóxico da Sociedade de Xeoloxía de España, o Comité Nacional Español de Geoparques informaba favorablemente á proposta presentada pola Asociación Montañas do Courel. Este informe era o primeiro filtro que debe superar calquera proposta antes de que a Comisión Nacional de Cooperación coa UNESCO aprobe a carta de apoio, para presentar definitivamente a candidatura oficial a xeoparque.

No mes de xullo do 2018 o territorio Montañas do Courel recibía a visita de dous auditores que se encargarían de avaliar a candidatura deste territorio ao ingreso na rede de parques xeolóxicos amparada pola Unesco. Unha avaliación favorable dada a decisión que ven de tomar agora a Unesco, a Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura, convertendo a Montañas do Courel no 141 Xeoparque do Mundo.