21 ago 2015

PORCO O ESPETO, CARRILANAS E BURROS NAS FESTAS DE HOSPITAL

A parroquia de Hospital comeza a celebrar as súas festas na honra a San Bartolomé.
          O programa das festas iniciarase o sábado a partir das cinco e media da tarde coa disputa dun campionato de tute no centro social da Ribeira. O domingo, na igrexa parroquial, presentarase aos feligreses do novo relicario que acolle as reliquias de San Bartolomé na misa das doce da mediodía. Con motivo desta presentación a igrexa parroquial tamén acollerá un concerto do grupo O Val das Mouras. A partir das cinco da tarde no mesón Ferreiriño disputarase un campionato de Bolos. E a partir das nove da noite  poderase degustar no campo da festa Porco so espeto, acompañado da música do duo Camelia.
          O luns, día 24, a unha da mediodía celebraranse os actos relixiosos encabezados pola tradicional procesión. A partir das sete da tarde disputarase un campionato de fútbol sala e pola noite música coa orquestra Essencia, que tamén fará a sesión vermouth, o dúo Camelia eo DJ Mavilo.

          O martes tamén se repetirán os actos relixiosos, e a partir das seis da tarde carreira de burros e carrilanas. A música desta xornada virá da man da orquestra Cinema e novamente do dúo Camelia e o DJ Mavilo. As once da noite haberá unha paella popular para todos os asistentes.

VOLTAN OS ROMANOS A QUIROGA

          Quiroga acollerá maña sábado a II Festa Romano Castrexa, Qui-Roma. Os seus organizadores acadaron a implicación de todos os bares e cafeterías do casco urbán coa oferta de tapas especiais durante toda esta semana.
       O amplo programa para esta festa comezará ás once da mañá coa apertura do mercado Qui-romano. Ao longo de toda a mañá haberá obradoiros infantis, paseos en burro para os nenos e desfiles da Garda romana Lucus Equitese dos gaiteiros castrexos Wyrdamur. Tamén actuarán a banda de gaitas San Martiño e o grupo O Recanto e Os Palletas.
         Xa pola tarde, haberá escola de gladiadores para os máis pequenos con loitas e xogos tantos infantís como para adultos. As oito e media está previsto o desfile Quiromano ao longo de toda a rúa Real e o seu remate a loita de gladiadores.
          Pola noite, espectáculo de lume, sorteo dunha viaxe a roma e festa coa disco móvil Studio 21.

        Tamen Montefurado celebrará este mesmo día a IV Exaltación Romana. Os actos comezarán ás seis e media da tarde coa explicación e demostración de como escribían e se utilizaban os números na época romana e tamén como vivían os lexionarios romanos e o armamento que utilizaban.
Pola noite haberá unha cena romana amenizada por un grupo de gaiteiros.

7 ago 2015

QUIROGA, EN PLENAS FESTAS DE VERÁN

     Quiroga comezaba onte as súas festas de verán.  A primeira das actividades do programa deste ano foron deportes.
       Así a partir das oito do serán comezaba un torneo de 4 x 4 de Street Soccer que se esta desenvolvendo  no parque da Constitución, e no que están a participar diferentes categorías benxamín, infantil e senior. Os encontros que se disputaron ata as dez da noite repetiranse hoxe a partir das sete e media nas categorías benxamín e infantil e e a partir das oito e media na categoría senior.
         En canto as actividades musicais, a praza de España acolleu un festival de Música e Danza Tradicional no que actuaron as agrupacións de baile San Martiño e Arume da Queiruga e a banda de gaitas San Martiño. Tamén contaron coa actuación dun grupo invitado, o grupo de danza Feitizo de Foz.
      A partir das once e media da noite, unha nova actuación do programa Música na Rúa, trasladaba a música ata as inmediacións do Bar “O Recuncho de Dino”. Nesta ocasión a música correu a cargo do cantante Aron Vigo.
A banda de gaitas San Martiño anunciaba esta mañá que se continúa de festa. Esta noite as actividades centraranse no Parque da Constitución coa X Festa da Comunidade, animada polo dúo “Fondo Tropical”. O menú deste ano será o mesmo da edición pasada: paella con tarrina de xeado, todo elo acompañado de bedidas. As entradas, a 5 € están a venda no Centro Social, nos bares Palmeras, Portón, Quiper, Monbel, Lago, Félix, Zorro, Dakar e o Recuncho do Dino. Tamén se poderán adquirir na librería Carmen e no Todo 100.
Para as persoas que non as merquen antes, tamén se venderán no mesmo recinto da festa antes de entrar ao mesmo prezo, e sempre que non se completara o aforo previsto.
E a partir da medianoite na zona dos pubs, Festa da Xuventude coa actuación dos grupos: Maskarpone, Relatos de Naufrago e do DJ Local FA. A festa comezará co acto de entrega de premios dos certames de Poesía e Fotografía, organizados dende a área de Xuventude.
O grupo Maskarpone, de Ourense, ofrecen unha mestura musical entre o reggae e o ska, con pequeno acenos de rock e música tradicional.
Pola súa banda Relatos de Naufrago, é un grupo de Ponteareas, cun estilo musical pop e letras moi coidadas que compoñen e versionan sons dos oitenta e os noventa.
Mañá sábado, a unha da mediodía un espectáculo de animación de rúa, a cargo de Troula Animación, co título de Circo. A partir das sete e media da tarde, na Praza de España actividades para os máis pequenos co Concurso pinta con xiz no chan e o Espectáculo infantil “Pucho e Gabardina coa música a outra parte”. 
          Xa pola noite, festa popular coa orquestra “Grupo Limón”. E tras a media noite, a actuación central das festas, o concerto do cantante David Civera. O popular cantante español, segundo acreditan os Productores de Música de España conta con 350.000 álbumes certificados como solista. Tras representar a España no Festival de Eurovisión do 2001 coa canción  "Dile que la quiero", no que  finalizou en sexta posición, a millor posición española dende 1997, acadou grandes éxitos con temas como “Que la detengan”, “Bye bye” ou “Perdóname.
O domingo a unha e media da mediodía, a Banda de Música de Sober ofrecerán un concerto diante da Casa Consistorial. A partir das seis da tarde presentarase oficialmente o equipo de fútbol de Quiroga no Trofeo Xoiería Zafiro, no que se enfrontará ao Ourense; e a partir das sete da tarde animación infantil na praza España con xogos, maquillaxe e globoflexia creativa.
Xa pola noite, o grupo la Oca e a orquestra Pontevedra serán as encargadas de animar a festa.
     As festas rematarán o luns día 10, coa XXIV Mostra do Mel que se inaugurará a partir das once da mañá e na que actuará a Charanga Takicardia. A partir das nove da noite, na praza de España, un concerto da orquestra “Os Modernos” pechará as festas deste ano.
         
          Con motivo de todas estas actividades, a Policía Local informa a todos os propietarios de vehículos estacionados na rúa Real, que se absteñan de estacionar no tramo comprendido entre a Cafetería As Palmeras e o Bar Zorro, dende o sábado a unha da mediodía ata o remate das festas do domingo.



30 jul 2015

O ALCALDE DE QUIROGA ASINA HOXE COA CONSELLERÍA DE TRABALLO UN CONVENIO PARA REMATAR O CENTRO DE DÍA

        O alcalde de Quiroga, Julio Alvarez, asina esta tarde en Santiago de Compostela un convenio coa conselleira de Traballo, Beatriz Mato, para o remate da construcción e da posta en marcha do centro de día da Ribeira.

Beatriz Mato estivo en novembro do 2010 visitando os terreos onde se está a levantar a construcción. Naquel momento a coselleira compremetíase a colaborar co concello no que sería a construcción dun centro multiusos cuxo fin promordial sería de caracter social.

Cinco anos despois a Xunta de Galicia invertirá un total de 150.000 euros na construcción e posta en marcha dun centro de día de 20 prazas para persoas dependentes en Quiroga.

           Esta actuación enmárcase na política do goberno galego de garantir o dereito a que os servizos no medio rural sexan accesibles as persoas con dependencia e as persoas maiores.


           Este edificio que xa acolle un centro socio cultural, xa rematado, acollerá tamén un piso tutelado e o centro de día. En breve comezarase a traballar no remate das fachadas do edificio; para continuar co acondicionamento do piso tutelado, que servirá de acollida temporal para persoas con problemas de inserción social así como para as que precisen de aloxamento en ocasións de extrema necesidade, e co centro de día. 

28 jul 2015

Á VENDA AS ENTRADAS PARA A FESTA DA COMUNIDADE

O venres día 7 de agosto, e dentro das festas de verán de Quiroga, celebrarase a X Festa da Comunidade, no Parque da Constitución.
 O menú deste ano será o mesmo da edición pasada: paella con tarrina de xeado, todo elo acompañado de bedidas.
As entradas, a 5 € están a venda no Centro Social, nos bares Palmeras, Portón, Quiper, Monbel, Lago, Félix, Zorro, Dakar e o Recuncho do Dino. Tamén se poderán adquirir na librería Carmen e no Todo 100.
Para as persoas que non as merquen antes, tamén se venderán no mesmo recinto da festa antes de entrar ao mesmo prezo, e sempre que non se completara o aforo previsto.
Como remate da festa actuará o dúo local Fondo Tropical.

BATALLA DA AUGA E PAINTBALL ESTE VENRES NO PARQUE DA CONSTITUCIÓN

O venres, 31 de xullo, o parque da Constitución acollerá unha Batalla da Auga e Paintball.
O programa iniciarase ás seis da tarde coa apertura do recinto. As persoas interesadas en participar gratuitamente deberán recoller as entradas antes do xoves  no Bar Piscinas, RuxeRuxe, chiringuito Playa Fluvial de San Clodio ou Chapakuña. Ás sete da tarde comezará a Batalla da Auga, na que se contarán con 10.000 globos de auga. Media hora máis tarde comezará a festa da espuma.
Ás oito do serán, tamén no parque da constitución terá lugar unha actividade de Paintball, para maiores de doce anos, organizada dende a área de Xuventude. Trátase de batallas dinámicas nas que cada participante, que deberá de inscribirse no recinto e pagar 5 € contará con equipamento e 50 bolas.

          Ás dez da noite, e dentro da Batalla da Auga, haberá unha pancetada e a partir das once e media da noite, festa ibicenca, onde é obrigatorio que todos os asistentes acudan vestidos de branco.

24 jul 2015

SEIS APICULTORES NA XXIV MOSTRA DO MEL

         Seis apicultores participarán na 24 edición da Mostra do Mel de Quiroga, que como todos os anos se celebra o 10 da agosto coincidindo coa feira de mercado máis importante do ano.

          Os participantes xuntaranse o venres día 7 de agosto na Casa da Cultura, para realizar o sorteo de postos de venda e recoller as credenciais.

        O programa da mostra comezará o 10 de agosto, ás once da mañá coa inauguración do recinto feiral, onde se poñerá a venda e exposición o mel e outros produtos típicos da zona. Estes productos estarán a disposición de quen o desexe ata despois do xantar.

Tralo corte de cinta dará comezo a alborada a cargo da charanga Taquikardia e para continuar a xornada, pola noite, as nove, e na praza España  concerto da orquesta “Os Modernos”.

Os apicultores participantes nesta edición son Isabel Marcos López, da Ponte Rodela; Manuel Macía González, das Estradas; Ángel Gómez Martínez, de Paradapiñol; Manuel Rodríguez Fernández, de Centeais; Angel Rodríguez Raposo, de Outeiro e Manuel Macía Castiñeira, de Quiroga.