28 jun 2017

ABERTO O PRAZO DE INSCRIPCIÓN PARA PARTICIPAR NOS CAMPAMENTOS DE VERÁN PARA NENOS

O Concello de Quiroga, a través da Área de Educación e Infancia,  porá en marcha novamente os "Campamentos de Verán 2017" nos meses de xullo e agosto.
Estes consistirán en variados obradoiros de: plástica, xogos de mesa, traballos manuais, repaso escolar, inglés, etcétera. Realizarán deportes e tamén terán tempo de lecer na piscina onde practicarán natación e diversos xogos e xincanas na auga.
As actividades de verán están dirixidas para tódolos nenos entre 3 e 12 anos con horario de 11:00 a 14:00 horas. Deberán leva-los nenos á Casa da Cultura na primeira hora e recollelos nas piscinas municipais. No caso de mal tempo serán avisados para poder recollelos noutro lugar.

As persoas interesadas en inscribir ós seus fillos tan só deben pasar pola Casa da Cultura ou chamar ó número de teléfono 982 43 51 25, onde serán informados de todos os detalles dos campamentos e onde poderán anotar os cativos. A data límite para apuntarse é o venres día 30 de xuño, excepto para aquelas persoas que veñan de vacacións a Quiroga que poderán inscribirse en calquera momento.

OS NENOS DE QUIROGA PARTICIPAN NUN OBRADOIRO DE ARQUEOLOXÍA

Esta mañá comezaba nas instalacións do Centro de Formación o primeiro Obradoiro de Arqueoloxía, organizado pola Area de Educación e Infancia do Concello, e que estaba  dirixido a nenos e nenas con idades entre os 6 e os  12 anos.

Unha vintena de rapaces escoitaron atentamente as nocións que lles daba o director dos Museos, Ramón Vila, acompañado do arqueólogo, Iván Álvarez.  A  inauguración do obradoiro que se desenvolveu entre as once da mañá e a unha do mediodía, acudía a concelleira, Rosa Arza.


Tras as clases teóricas, pasaron a parte máis divertida do obradoiro, para os nenos que se desenvolveu nas inmediacións do centro de formación, onde os rapaces participaron nunha excavación.

13 jun 2017

GRANDES LUGARES DA TVG GRAVA HOXE EN QUIROGA UN NOVO PROGRAMA

         O programa da TVG “Grandes Lugares”, achegouse hoxe ata Quiroga para grabar unha nova entrega.  O lugar elexido polas cámaras da galega foi a parroquia de Hospital, onde estarán durante toda a xornada para contar aspectos das xentes desta parroquia e falar con elas.
Grandes Lugares é un documental de entretemento, de 50 minutos que se emite os domingos, que amosa, desde un punto de vista optimista e particular, a historia afectiva e social de poboacións galegas con moito para contar.
A través dun percorrido polos seus habitantes, costumes e peculiaridades, o programa presta atención a lugares especiais, ao seu modo de vida, ás súas iniciativas orixinais, aos aspectos menos coñecidos do seu día a día e tamén ás historias máis persoais. Os protagonistas destes pequenos lugares, aldeas ou vilas, serán os que relaten as súas vivencias e vida social máis representativa, desde espazos que transmiten un sentimento de pertenza, de familia e de benestar no rural.

Un mapa de situación indicará ao inicio de cada programa o lugar elixido, reforzando coa súa imaxe o que podería ser a priori un lugar pequeno, e cada personaxe levará unha ficha de presentación explicando a súa relación coa contorna; así pois, os habitantes do lugar convértense en narradores para facer un retrato o máis fiel posible de cada localidade, da súa vida e da súa xente.

29 may 2017

NOVO ÉXITO DA MOSTRA DO ACEITE DE QUIROGA

Quiroga celebrou onte a súa  XVII Edición da Mostra do Aceite, catalogada como Festa de Interese Turístico de Galicia. Centos de visitantes achegáronse unha vez máis ao lugar das Farrapas para participar nesta xornada festiva.

O programa abríase ás once e media da mañá coa posta en funcionamento do Muiño de Bendilló, para comezar coa demostración e elaboración tradicional do aceite. Sen dúbida o acto que máis chama a atención e que todos os visitantes queren ver.

Entre todos os visitantes atopamos unha cara coñecida das pantallas da TVG, Avelino González, coñecido como Miñato na súa participación na serie Padre Casares.

Os resultados das análises realizadas nun laboratorio especializado arroxan que a calidade dos cinco aceites era categoría de aceite virxe extra. Ás doce do mediodía na capela das Farrapas, un panel de catadores locais, realizaba unha cata comentada dos aceites participantes nesta mostra.

 Durante toda a xornada no recinto feiral estiveron á venda o aceite e productos típicos. Nesta edición foron cinco os olivareiros paticipantes: Pedro Soto Losada, J. Manuel López Maseda, Jesús Bao Mondelo, Jesús Arias Rodríguez e Manuel Mondelo Rodríguez. Todos eles amosáronse satisfeitos coas vendas acadadas nesta nova edición.

Polo recinto feiral tamén se pasearon políticos coñecidos de Quiroga, como o Delegado Territorial, José Manuel Balseiro ou o deputado provincial, Juan Carlos Armesto.


A música tradicional non faltou neste encontro, actuaron as agrupacións locias: o grupo Os Palletas, o Grupo de gaitas e danzas San Martiño e o Grupo de Gaitas O Recanto.

11 may 2017

O PROXECTO DO XEOPARQUE PRESENTASE AO SECTOR MINEIRO

Os tres concellos da comarca de Quiroga: Quiroga, Ribas de Sil e Folgoso do Courel, seguen a traballar para conseguir a denominación do Xeoparque Montañas do Courel.

Co fin de apoiar esta candidatura a pasada semana presentábaselle ás  asociacións da comarca un manifesto para acadar o seu apoio. Esta mañá reuníase ao presidente da Cámara Mineira de Galicia e a empresarios mineiros desta comarca para presentarle o proxecto do Xeoparque.

Na memoria feita pública, o xeoparque ocuparía unha extensión de preto de 580 km cadrados nos que se sinalan unha trintena de puntos de interese como minas, covas, miradoiros, museos, fornos de cal, albarizas, petrogrlifos e formacións naturais. O fío conductor do xeoparque estaría constituido polas covas calizas, o pregamento de Campodola-Leixazós e os restos das minas auríferas.

Un escaparate de todo esto é o Museo Xeolóxico, no que teñen cabida todos os contidos xeolóxicos máis representativos da zona, ordenados dende o máis antigo o máis moderno. Polo que parte da xuntanza se realizou nestas instalación que o pasado ano recibiron un premio Santa Bárbara, concedidos pola Cámara Oficial Mineira de Galicia; pola súa labor de comunicación sobre  a importancia do sector mineiro para o tecido industrial galego e o desenvolvemento da sociedade. 

A CONSELLEIRA DE MEDIO RURAL VISITA O LUNS QUIROGA PARA EVALUAR OS DANOS DAS XEADAS

A Conselleira de Medio Rural, Angeles Vázquez, visitará Quiroga o vindeiro luns 15 de maio, para ver os efectos das xeadas nos viñedos da Denominación de Orixe Ribeira Sacra.

A visita realízase a petición do alcalde de Quiroga, Xullo Alvarez, tras o encontro que mantiveron a semana pasada en Santiago de Compostela; no que lle pediu á Conselleira de Medio Rural habilitar axudas para as familias afectadas nos terminos que se determinen.

Tamén lle informaba do acordo da corporación municipal de solicitar ás Administracións Supramunicipais, a declaración de “Zona Catastrófica” polos danos sufridos polo sector vinícola como consecuencia dá enorme xeada producida na noite do 26 de abril.

Por outra banda, os senadores do PP por Ourense e Lugo, incluído o portavoz desta formación política na cámara alta, José Manuel Barreiro, reuníronse  coa ministra de Agricultura, Isabel García Tejerina, para solicitar axudas polas desfeitas provocadas polas recentes xeadas en viñedos destas dúas provincias.

Os senadores do PP esperan que o ministerio «leve a cabo unha avaliación completa dos danos que permita compensar aos agricultores polas perdas sufridas nos viñedos». De acordo coa información facilitada polo PP tras este encontro, a ministra comprometeuse a «estudar unha rebaixa fiscal para os afectados, así como distintas posibilidades de financiamento»..

28 abr 2017

A CORPORACIÓN SOLICITA A DECLARACIÓN DE ZONA CATASTRÓFICA TRAS QUEDAR AS VIÑAS ARRASADAS POLA XEADA

          Hai duas semanas os colleiteiros que acudían á Feira do viño amosábanse máis que satisfeitos coas vendas acadadas. Falaban de record de vendas nun ano no que tamén acadaran unha boa colleita, a pesar do que tiveran que loitar para gañarlle a batalle aos ataques do mildeu, favorecidos por un tempo demasiado húmido.

Hoxe eses mesmos colleiteiros, ao igual que todos os do municipio, falan dunha vendima prácticamente feita, antes incluso de ver os acios. As fortes xeadas destas duas últimas noites, sobor de todo a do xoves, acabaron cunha uvas que aínda non chegaran a sair.

Temperaturas baixo cero, unidas a fortes e xélidos ventos fixeron que os colleiteiros visen como os gromos das cepas que o día anterior lucían verdes e que apuntaban cara unha abondosa colleita, espertasen totalmente xeados.

A calor das últimas semanas fixera que as cepas agromaran rápidamente e en todo o seu explendor. Os viticultores preparábanse xa para os primeiros tratamentos fitosanitarios nas viñas, e moitos deles xa comezaran coa aplicación de xofres.

Ante o estado non que quedaron as cepas, os viticultores falan da perda de practicamente toda a colleita. Unha gran perda para todas as familias que aínda que non viven integramente do viño, si supón unha parte importante da súa economía. Non en balde, a comarca quiroguesa é dende o ano 2014 a de maior hectáreas prantadas de cepas de toda a Denominación de Orixen Ribeira Sacra, con máis de 200 hectáreas prantadas.

A xeada non pillou de sorpresa aos viticultores, pois as predicións meteorolóxicas levaban uns días anunciando a posibilidade deste drástico descenso de temperaturas, pero nada se puido facer ante a inclemencia do tempo. Os agricultores saben ben o risco que supón a xeada para as cepas e as hortas nesta época, non en balde, dende sempre márcan a data da Santa Cruz, o tres de maio, como a data que hai que superar para deixar atrás o risco de xeadas.

Os vitucultores falan xa da perda total da colleita deste ano e poñen as súas expectativas en que polo menos as cepas volten a retoñar cunhas vides que sirvan para facer unha boa poda e garantir a colleita do vindeiro ano.

A totalidade do val quedou arrasada pola xeada, as cepas ocupan a práctica totalidade destes terros polo que a desolación é grande. Pero non foi o único que axeou. Patacas, cabazas, tomates ou kiwis tampouco superaron os catro graos baixo cero que se acadaron nalgún momento da noite.

Ante esta situación foi polo que a corporación municipal decidiu tomar a decisión de solicitar, unánimemente, a declaración do val de Quiroga como zona catastrófica.