Onte o rexedor local, Julio Álvarez recibía a visita do director do Instituto Galego de Vivenda e Solo, José Boné Pina. O Concello de Quiroga establecerá un convenio con este departamento co fin de construír un grupo de vivendas sociais no espazo que ocupa o conxunto das antigas casas de mestres do colexio público de educación infantil e primaria, desocupadas desde hai moito tempo, que xa foron cedidas no seu momento ao municipio pola Consellería de Educación. Aínda que nun principio o goberno local suxeriu ao IGVS a posibilidade de rehabilitar este conxunto, formado por sete vivendas, non é seguro que vaia conservarse a edificación orixinal e posiblemente se decida derrubar estas antigas vivendas e aproveitar os terreos para construír outras novas casas, que ata poderían ser máis numerosas que as actuais.
José Antonio Boné indicou que a redacción do proxecto levarase a cabo nos próximos meses, nun prazo que aínda non se determinou. Tamén comentou que todavía non se precisou que orzamento podería destinar a Xunta para a realización deste proxecto.
O goberno local, así mesmo, solicitou ao IGVS que estude a posibilidade de ampliar o polígono industrial quirogués, duplicando a súa superficie urbanizada actual. Os terreos nos que se pretende realizar a ampliación xa son actualmente de titularidade municipal.
A intención do Concello é que a superficie urbanizada se amplie o suficiente para atender a demanda existente. O goberno municipal considera necesario tomar esta medida porque xa están vendidas todas as parcelas dispoñibles no polígono, aínda que non todas están edificadas.
No hay comentarios:
Publicar un comentario