8 ago 2012

CO SORTEO DE POSTOS DE VENDA COMEZA O PROGRAMA DA XXI MOSTRA DO MEL


O Concello de Quiroga, celebra o venres día 10, coincidindo coa feira mensual máis importante do ano e coas festas de verán de Quiroga, a XXI Mostra do Mel de Quiroga. Este evento gastronómico ten como obxectivo principal dar a coñecer as magníficas calidades do mel que se produce na zona de Quiroga, que comparte un lugar destacado con produtos como o viño, o aceite ou as castañas.
O programa comezará xa esta tarde, ás oito do serán na casa de cultura, cunha reunión dos apicultores participantes na mostra e na que se sortearán os postos de venda e se lles entregará as credenciais ós dez apicultores que participan nesta edición.
Tendo en conta as preferencias dos participantes na mostra a comisión organizadora decidiu que os postos de venta e exposición dos productos sexa na parte alta da rúa Real, en concreto nas inmediacións da Casa do Concello.
A programación variará pouco con respecto ás anteriores edicións, daquela haberá un acto de inauguración ás 11 horas e os postos de venda e exposición de mel e outros produtos típicos da zona, estarán a disposición de quen o desexe dende primeiras horas da mañá ata despois do xantar.
Como novidade nesta edición a Delegación de Cultura mediante o Museo Etnográfico de Quiroga, organiza un fiadeiro tradicional, no que poderán observarse os procesos do traballo tradicional coa la de ovella, no mesmo recinto da Mostra do Mel.
Os 10 apicultores participantes nesta edición son:
* Jose Río  Espada, de Pacios de Mondelo.
* Isabel Marcos López, da Ponte Rodela
* Manuel Macía González, das Estradas.
* Angel Gómez Martínez, de Paradapiñol.
* Andrés Campo García, de Fisteus.
* Manuel Rodríguez Fernández, de Centeais.
* Agripino Ferreira Machado, de Quiroga.
* Mª Luisa Fernández Gafo, de Caspedro.
* Blanca Carballo Rodríguez, de Quiroga.
* Manuel Macía Castiñeira, de Quiroga.
          Ademáis haberá tres expositores de productos típicos da zona como o aceite, licores ou castañas.
Precisamente con motivo desta celebración, a rúa Real permanecerá cortada ao tráfico dende as once da mañá ata media tarde. Mentres permaneza pechada ao tráfico esta rúa, a circulación terá unha regulación especial debidamente sinalada.

No hay comentarios:

Publicar un comentario