16 ago 2012

MONTEFURADO ACOLLE ESTA FIN DE SEMANA A SÚA PRIMEIRA FESTA ROMANA


O pobo de Montefurado celebrará esta fin de semana a súa primeira festa romana, na que haberá distintas actividades para recordar a presenza romana na zona, que deixou pegadas indelebles como o túnel romano.

A festa está organizada pola asociación veciñal Boca do Monte, que conta co patrocinio do Concello de Quiroga e coa colaboración do grupo Caetra Lucensium, de reconstrución histórica, colectivo que goza de gran prestixio ao ser unha peza crave en festas como o Arde Lucus (Lugo).

O sábado abrirase o programa ás 10.00 da mañá cunha camiñada cultural romana con saída do pobo de Anguieiros para visitar os máis importantes enclaves romanos da zona.

Ás doce e media está prevista a chegada das tropas romanas co legado do César ao pobo de Montefurado. Os oficiais da lexión formarán as tropas e ensinarán o armamento dos lexionarios.

Xa pola tarde, ás cinco unha charla coloquio titulada “Montefurado, a historia dormida” repasará os diferentes aspectos históricos da zona, dende a época romana ata os nosos días. Unha hora máis tarde os visitantes poderán ver o fundido do metal e a acuñación da moeda denominada “caetra”, utilizada para pagarlle as tropas romanas.

Á media noite farase unha queimada con conxuro aos deuses.

O domingo ás once e media desfilarán polas rúas do pobo as patrullas romanas. Ás doce celebrarase a misa na honra a San Miguel, patrón de Montefurado, a continuación a procesión estará acompañada polos tambores romanos.

Pola tarde, o lanzamento de dardos con ballesta poñerá punto final a primeira festa romana de Montefurado.

No hay comentarios:

Publicar un comentario